Durante as II Xornadas IBEROS foron presentados tres proxectos en colaboración entre grupos galegos e portugueses sobre enfermidades das articulacións

A Coruña, 30 de novembro de 2017. O Instituto de Bioenxeñería en Rede para o Envellecemento Saudable (IBEROS), constituído no pasado mes de xuño, iniciou xa varios proxectos de investigación nos que colaboran grupos de Galicia e do Norte de Portugal. Tres deles, centrados en enfermidades óseas relacionadas co envellecemento, foron presentados hoxe durante as II Xornadas IBEROS, celebradas no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) da Coruña.

A artrose, unha enfermidade reumática caracterizada polo deterioro do cartílago nas articulacións, aféctalle a catro de cada dez persoas de máis de 70 anos e é unha das principais causas de discapacidade laboral. O perfil demográfico de Galicia e do Norte de Portugal e a falta de cura para a artrose fan que a detección temperá teña especial importancia.

Neste campo, a investigadora do Grupo de Investigación en Reumatoloxía do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) Paula Casal presentou o proxecto no que colaboran coa Universidade de Vigo (Uvigo) para atallar as actuais limitacións dos métodos diagnósticos actuais mediante radiografía, só capaces de detectar a enfermidade nunha etapa avanzada. Os investigadores traballan en biomarcadores ópticos que, a través dunha leve irradiación láser na articulación, permita identificar os pequenos cambios moleculares que apuntan a unha artrose en fase temperá. Este método non invasivo, rápido e económico podería realizarse mesmo en consulta e permitiría mellorar a calidade de vida dos pacientes ao tempo que se reducen os custos de tratamento.

Mentres o método anterior non estea implantado, as técnicas de rexeneración do cartílago seguen sendo a alternativa con maior potencial para tratar os casos nos que a enfermidade lle afectou de maneira moderada á articulación. Este é o campo no que colaboran o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC, o grupo TeamNanoTech da Uvigo e o grupo 3B’s da Universidade do Minho. Segundo expuxo Jesús Valcárcel, do IIM, por unha parte estase a incorporar unha substancia extraída de peixes cartilaxinosos (o sulfato de condroitina) a estruturas capaces de imitar o medio que rodea as células presentes no cartílago. Por outra, estase a desenvolver un hidroxel tamén con materiais de orixe mariña que incorpora nanopartículas capaces de promover a rexeneración do cartílago.

Modelos 3D e biomarcadores

Procedente do Instituto de Engenharia Biomédica do Porto, Marco Araújo explicou os avances do seu grupo, o Biocarrier, no campo dos biomateriais aplicados á medicina rexenerativa e á enxeñaría de tecidos. O seu traballo céntrase no cultivo de células en contornas 3D grazas ao uso de hidroxeles biofuncionalizados, o que permite o seu uso como andamios para a rexeneración de tecidos como a pel e o óso.

Tamén no marco do IBEROS, Manuela Frasco, do Instituto Superior de Engenharia do Porto, expuxo o seu proxecto para desenvolver sensores portátiles e de baixo custo para o diagnóstico e o seguimento de enfermidades asociadas ao envellecemento. O seu traballo, que realiza no marco do grupo Biomark Sensor Research, inclúe a utilización de materiais avanzados coma os nanomateriais e os polímeros intelixentes, capaces de responder a determinados estímulos.

Novas colaboracións

Ademais de acoller a presentación de proxectos desenvolvidos no marco de IBEROS, a xornada contou coa participación doutros investigadores que traballan en campos relacionados co envellecemento activo e saudable, co obxectivo de abrir novos ámbitos de colaboración interdisciplinar.

O fundador da compañía Biofabrics, Pedro Costa, explicou a actividade da súa empresa no desenvolvemento de modelos avanzados de tecidos artificiais que sexan máis eficientes e sostibles para testar fármacos e cosméticos que os usados actualmente en cultivos in vitro e experimentación animal. Nos seus procesos combínanse múltiples disciplinas como a biofabricación e a enxeñería de tecidos.

O investigador Alejandro Pazos, da Universidade da Coruña, presentou os seus avances sobre a aplicación da intelixencia artificial á investigación en envellecemento activo. Pola súa banda, Ignacio Segarra, da Universidade de Barcelona, avogou por introducir a perspectiva de xénero na investigación sobre a medicina personalizada, explicando que, a pesar de que as diverxencias de sexo son relevantes para a ciencia farmacolóxica, a súa consideración non está suficientemente extendida na práctica.

IBEROS, que naceu co apoio do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal 2014-2020 (POCTEP) da Unión Europea, conta cun orzamento de preto de 2 millóns de euros ata 2020 para que os seus 152 membros compartan coñecemento e desenvolvan proxectos conxuntos.