As IV Xornadas IBEROS acolleron en Lugo a exposición de dez dos proxectos que están a ser desenvolvidos en colaboración por grupos de investigación galegos e portugueses

Lugo, 11 de xullo de 2018. O Instituto de Bioenxeñería en Rede para o Envellecemento Saudable (IBEROS) levou hoxe a Lugo a presentación de dez dos seus proxectos nos que colaboran grupos de investigación galegos e do Norte de Portugal. Os avances expostos céntranse en abordaxes innovadoras sobre o cancro e as doenzas neurolóxicas, do aparello locomotor e do sistema vascular, todas elas desde a óptica do envellecemento.

IBEROS, que naceu co apoio do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal 2014-2020 (POCTEP) da Unión Europea, conta cun orzamento de preto de 2 millóns de euros ata 2020 para que os seus 152 membros compartan coñecemento e desenvolvan proxectos conxuntos.

Nel intégranse 13 grupos de investigación das Universidades de Santiago de Compostela (USC), Vigo (Uvigo), Minho e Católica Portuguesa-Centro Rexional do Porto; do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC; do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC); do Instituto de Engenharia Biomédica e do Instituto Superior de Engenharia do Porto.

O Grupo de Cirurxía, Radioloxía e Ecografía Experimental Veterinaria da USC, con base no Campus de Lugo, presentou a experiencia clínica obtida en modelos animais cun novo tipo de implantes impresos en 3D a partir dun material denominado ácido poliláctico, que presenta dúas vantaxes: é compatible co organismo e é biodegradable. Isto último implica que, ao contacto cos fluídos corporais, van desaparecendo co tempo cando a lesión está xa curada, fronte á permanencia dos implantes metálicos convencionais. O reto agora é trasladar esta positiva experiencia á práctica clínica en humanos, para o que o grupo iniciará a colaboración con outros investigadores de IBEROS.

Precisamente, o ácido poliláctico é tamén o protagonista do proxecto presentado polo Grupo de Novos Materiais da Uvigo. Tal e como se expuxo na xornada celebrada no Club Fluvial de Lugo, están a desenvolver métodos de esterilización para os dispositivos cirúrxicos fabricados a partir deste ácido que evitan o dano que as técnicas convencionais (como a radiación gamma ou o autoclave) exercen sobre el, dado estes materiais que non resisten temperaturas elevadas.
Tamén no eido das enfermidades relacionadas co aparello locomotor, o Grupo I+D Farma da USC presentou as súas formulacións para administración intra-articular capaces de controlar e diminuír o proceso inflamatorio asociado á artrose, unha das doenzas máis comúns entre a poboación envellecida.

Os compostos de orixe natural son un recurso que está a ser amplamente explorado pola comunidade científica no tratamento de doenzas do aparello locomotor. É o caso do Instituto de Engenharia Biomédica de Porto, que está a modificar hidroxeles procedentes de polímeros de orixe natural para facelos máis eficientes na rexeneración de tecidos danados. E tamén do Grupo de Reciclado e Valorización do IIM, que parte de subprodutos da industria alimentaria para obter biopolímeros, probióticos e péptidos bioactivos, de gran valor terapéutico neste tipo de enfermidades.

A investigación que completou o bloque relativo ás doenzas músculo-esquelético na xornada de IBEROS é a desenvolvida pola Universidade Católica Portuguesa-Centro Rexional do Porto, relativa ao desenvolvemento dunha innovadora membrana de seda para o control dos radicais libres que interfiren no tratamento de feridas crónicas.

Novos sensores e materiais

Os proxectos de IBEROS presentados en relación ao cancro e ás doenzas neurolóxicas e do sistema vascular teñen un foco importante nas novas ferramentas de diagnóstico e control de procesos celulares. O Instituto Superior de Engenharia do Porto desenvolve novos sensores de baixo custo que permitirán obter dispositivos desbotables para unha detetección rápida do cancro. Desde Vigo, o Grupo de Novos Materiais traballa en sensores baseados en fenómenos ópticos capaces de detectar a glucosa, asociada a doenzas propias do envellecemento. E nesta mesma liña, tamén da Uvigo, desde o Grupo de Química Coloidal, procede a investigación centrada en desenvolver nanopartículas capaces de controlar procesos celulares a través da luz.

Reforzando a potencialidade dos subprodutos mariños que exploran no IIM, na Universidade do Minho traballan con coláxeno obtido de especies mariñas para desenvolver novos materiais biomédicos capaces de estimular a rexeneración da córnea, un fito especialmente importante tendo en conta que as doenzas dexenerativas desta membrana ocular lle afectan a 10 millóns de persoas en todo o mundo e son a cuarta causa de cegueira.

A xornada contou tamén coa participación da xestora de proxectos do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) Loli Pereiro, que compartiu cos investigadores de IBEROS a situación actual do tecido produtivo galego do sector bio.

AtlánticoDiario DUVI NoticiasPress