A colaboración transfronteiriza na investigación sobre enfermidades asociadas ao envellecemento é un foco de talento científico sustentado no elevado índice h destes expertos

O índice h é un dos valores de reputación máis importantes para calquera científico. Trátase dun baremo que mide a cantidade de citas que reciben os artigos publicados por cada investigador e, na práctica, utilízase para determinar a súa calidade profesional. O Instituto de Bioenxeñería en Rede para o Envellecemento Saudable (IBEROS) conta entre os seus membros con científicos que destacan por ter publicado artigos en revistas de grande impacto e que acumulan citas por parte dos seus colegas.

IBEROS, que naceu co apoio do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal 2014-2020 (POCTEP) da Unión Europea, conta cun orzamento de preto de 2 millóns de euros ata 2020 para que os seus máis de 150 membros compartan coñecemento e desenvolvan proxectos conxuntos.

Os investigadores adscritos a IBEROS Isabel Pastoriza e Jorge Pérez Juste, do grupo de Química Coloidal, son os dous investigadores co maior índice h da Universidade de Vigo, con cerca de 60 ambos os dous. No caso de Pastoriza, destaca por número de citas o seu artigo sobre nanolámpadas para modulación inducida pola luz da función celular, que poderían implementarse en fotomedicina con dispositivos de control inhalámbrico ultraprecisos. Pérez Juste é coautor dun artigo publicado en Nature Materials especialmente popular na comunidade científica, no que se describen métodos de ultradetección de contaminantes en alimentos baseados no mecanismo de comunicación que utilizan as bacterias, denominado quorum sensing.

Cun índice h de cerca de 50, destacan tamén os investigadores Carmen Álvarez e Ángel Concheiro, do grupo I+D Farma da Universidade de Santiago. Tamén no marco de IBEROS, estes investigadores acumulan citas sobre os seus artigos arredor da medicina rexenerativa e a terapia localizada. No caso de Álvarez, o seu artigo publicado na revista Biomaterials conta con cerca de 200 citas. Nel descríbese a colaboración con investigadores xaponeses que logrou demostrar in vivo por primeira vez que é posible deseñar lentes de contacto capaces de incorporar fármacos e liberalos de forma sostida na superficie ocular. De Concheiro destaca o artigo en colaboración con investigadores rusos que describe o deseño de hidroxeles sensibles a temperatura e pH para o seu uso na administración de medicamentos de xeito controlado.

Grande impacto dos membros de Portugal

A nómina portuguesa de investigadores de IBEROS está liderada por Rui L. Reis, director do grupo de investigación 3B’s da Universidade do Minho, no que se refire ao índice h, que no seu caso alcanza o 86. De entre os mais de 1000 artigos publicados, o máis citado describe unha nova estratexia de rexeneración da rexión mitocondrial, situada nas articulacións e moi difícil de rexenerar. A súa proposta, baseada nun composto formado pola hidroxiapatita (material cerámico) e o quitosano (polímero de orixe mariña) supón un cambio de paradigma no tratamento das lesións nesa rexión articular, como acreditan os centos de citas que xa recibiu o artigo.

O investigador principal do Instituto de Engenharia Biomédica/Instituto de Investigação e Inovação em Saúde (INEB/i3S) da Universidade de Porto, Bruno Sarmento, ten publicado máis de 300 artigos en revistas científicas de primeiro nivel, cun índice h de 43. Entre os seus artigos máis referenciados por outros colegas atópase, con máis de mil citas, o que describe un método de mellora da tecnoloxía de dispersións sólidas como estratexia para mellorar a velocidade de disolución de fármacos pouco solubles en auga, un problema que afecta ao 40% dos principios activos en vías de desenvolvemento e que compromete a súa eficacia.