Durante a xornada de clausura do proxecto europeo fíxose balance dos indicadores de éxito e foron presentados os resultados dos proxectos do Instituto de Bioenxeñería en Rede para o Envellecemento Saudable
Vigo, 7 de outubro de 2019. Os grupos de investigación galegos e portugueses integrados no Instituto de Bioenxeñería en Rede para o Envellecemento Saudable (IBEROS) levaron a cabo con éxito 18 proxectos en colaboración durante os dous últimos anos. Durante a xornada de clausura deste proxecto transfronteirizo liderado pola Universidade de Vigo (Uvigo) e financiado con cerca de 2 millóns de euros pola Unión Europea, fíxose balance dos principais indicadores de éxito conseguidos e foron presentados os resultados das investigacións realizadas.
A xornada, organizada coa colaboración da Rede Galega de Biomateriais, tivo lugar hoxe na Illa de San Simón (Pontevedra) e reuniu aos responsables dos proxectos realizados no marco de IBEROS, un centro de investigación en rede centrado na ciencia interdisciplinaria excelente nas fronteiras da enxeñería e das ciencias da vida. O seu obxectivo é xerar novo coñecemento para contribuír á mellora da calidade de vida e da saúde das persoas, con especial foco nas enfermidades asociadas ao envellecemento.
Tal e como expuxo o coordinador de IBEROS, o catedrático da UVigo Pío González, ao longo do desenvolvemento do proxecto foron contratados máis de medio cento de investigadores con cargo a el. Once deles son investigadores doutores con ampla experiencia en diversas áreas de coñecemento estratéxicas para IBEROS, como os biomateriais, a enxeñería de tecidos, a nanotecnoloxía e a biotecnoloxía. Os 40 investigadores restantes contratados a cargo do proxecto son recén titulados de grao ou máster.
Estas incorporacións fixeron posible que a dedicación de científicos especializados ao proxecto aumentara nun 200% con respecto aos seus inicios. Outro dos indicadores de éxito fai referencia ao balance de xénero, coa incorporación de dúas mulleres por cada tres novas contratacións.
Da artrose aos nanomateriais
Os proxectos realizados a través da colaboración dos máis de 150 investigadores vinculados ao IBEROS supuxeron avances en ámbitos como a diagnose e reparación dos danos en ósos, cartílagos e dentes asociados ao envellecemento.
Novas abordaxes para a avaliación e o tratamento da artrose, impresión 3D de andamios para enxeñaría de tecido óseo, biomateriais con propiedades nutracéuticas e reparadoras, sistemas de liberación de antibióticos para o tratamento e a prevención da osteomielite, estratexias de rexeneración do óso para a posterior colocación de implantes dentais ou nanomateriais aplicables ao tratamento do melanoma. Estes son algúns exemplos dos avances realizados no marco de IBEROS, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España‐Portugal (POCTEP) 2014-2020.
Esta última xornada científica do proxecto estivo centrada na bioenxeñería e contou tamén coa participación de empresas do sector biomédico, que ofreceron a visión do mercado. Mariana Hernández, da compañía ZIACOM Medical, e David Allende, de MBA Surgical Empowerment, estiveron a cargo desta parte.
A eles sumáronse especialistas de diversas especialidades relacionadas co campo de coñecemento de IBEROS, invitados a ofrecer a perspectiva clínica: José Ramón Caeiro Rey e Pedro Martínez Seijas, das áreas de cirurxía ortopédica e traumatología e cirurxía oral e maxilofacial do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, e José María Pego, especialista en reumatoloxía do Hospital Meixoeiro de Vigo-Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. Procedente tamén desta última entidade, Carlos Spuch, do Grupo de Neurociencia Traslacional, completou o cartel de ponentes.