Durante a V Xornada IBEROS foron presentados os progresos de doce proxectos realizados polos grupos de investigación galegos e portugueses que forman IBEROS

O xeriatra José Manuel Vega destacou a importancia da bioenxeñería como estratexia para mellorar a calidade de vida das persoas maiores, dada a elevada incidencia neles de enfermidades coma a artrose

Vigo, 20 de novembro de 2018. Os grupos de investigación galegos e portugueses que integran o Instituto de Bioenxeñería en Rede para o Envellecemento Saudable (IBEROS) deron conta esta mañá en Vigo dos seus avances nunha ducia de proxectos cun alto grao de colaboración transfronteiriza. A diagnose e reparación dos danos en ósos, cartílagos e dentes asociados ao envellecemento centran o traballo no marco do IBEROS, como quedou reflectido na quinta xornada científica que celebra desde a súa constitución hai ano e medio.

O encontro non só serviu para que os investigadores compartisen coñecemento sobre a evolución das súas liñas de investigación, senón tamén para establecer pontes entre os científicos e a posible aplicación clínica dos resultados do seu traballo. O responsable do Servizo de Xeriatría do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), José Manuel Vega, expuxo ante os membros do IBEROS unha completa visión sobre as estratexias que se están a aplicar desde o punto de vista médico para impulsar o envellecemento saudable. Vega sinalou a importancia da bioenxeñería como estratexia para mellorar a calidade de vida das persoas maiores, dada a elevada incidencia neles de enfermidades coma a artrose, a doenza reumática con maior prevalencia no mundo.

Precisamente, a artrose é a doenza na que teñen postos moitos dos seus esforzos os investigadores do IBEROS. O Grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo (Uvigo) presentou un proxecto en colaboración co Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC que propón a espectroscopia Raman como método de avaliación da calidade das biomoléculas aplicadas para mellorar o funcionamento de tecidos coma o cartílago, cuxo deterioro se asocia á artrose. Tamén desde a Uvigo, o grupo Teamnanotech presentou un hidroxel mimético ao cartílago a partir de materiais de orixe mariña, con nanoestruturas que teñen a capacidade de liberar factores de crecemento, promovendo así a rexeneración de tecido cartilaxinoso.

A través da colaboración entre o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e a Universidade Católica do Porto, estase a estudar o uso da kartoxenina, un composto recentemente descuberto, no deseño de sistemas de liberación controlada de substancias capaces de previr a progresión da artrose e a rexeneración do tecido danado.

Valorización dos recursos mariños

Da pel do tiburón azul sae o coláxeno que a Universidade do Minho mineraliza para o seu uso na impresión 3D de andamios en enxeñaría de tecido óseo. Tamén dos residuos e descartes das quenllas e doutras especies coma a raia obtén o IIM o sulfato de condroitina, un biomaterial con propiedades nutracéuticas e reparadoras que buscan optimizar. Esta é a mesma liña que segue a Universidade do Porto, que propón diferentes estratexias de modificación química de biomateriais de orixe mariña para incorporalos a estruturas tridimensionais bioactivas capaces de rexenerar tecidos.

As infeccións bacterianas representan unha das principais causas de rexeitamento de implantes óseos, así como das feridas crónicas. O grupo I+D Farma da Universidade de Santiago (USC) e o Instituto de Engenharia Biomédica de Porto colaboran en novas estratexias para a prevención e eliminación destas infeccións mediante materiais con propiedades antimicrobianas e rexeneradoras, un ámbito no que tamén investiga a Universidade Católica do Porto, neste caso a través de membranas de fibra de seda.

O grupo I+D Farma da USC presentou tamén na xornada de hoxe novos sistemas de liberación de antibiótico, tamén baseados en polímeros de orixe mariña, para o tratamento e a prevención da osteomielite (inflamación do óso).

Outra das afeccións habituais nos pacientes xeriátricos é a perda de pezas dentais por enfermidades periodontais, traumatismos ou tumores. O grupo de Veterinaria Experimental da USC ensaia un dispositivo capaz de rexenerar óso para a posterior colocación de implantes dentais. En relación coas enfermidades da pel, o grupo de Química Coloidal da Uvigo avanza en nanomateriais aplicables ao tratamento do melanoma.

No ámbito do diagnóstico, o Instituto Superior de Engenharia do Porto presentou hoxe un biosensor para a produción de dispositivos de baixo custo aplicables á detección de enfermidades relacionadas co envellecemento.

IBEROS, que naceu co apoio do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal 2014-2020 (POCTEP) da Unión Europea, conta cun orzamento de preto de 2 millóns de euros ata 2020 para que os seus máis de 150 membros compartan coñecemento e desenvolvan proxectos conxuntos.